Comunicado da FETE-UGT-Ourense e da Sección de FETE-UGT da Universidade de Vigo sobre o carácter público das residencias Universitarias (12/02/99)

Unhas recentes declaracións de máximos responsables do goberno universitario, como son o Rector e o profesor ourensán X. M. Cid Fernández, agora vicerrector, mostran un futuro borroso para as residencias universitarias, ó manifesta-la súa decisión de que as constrúa e xestione un socio privado, sen querer descarta-la mesma Fundación San Rosendo.

A UGT sempre defendeu que o desenvolvemento das funcións públicas se faga co soporte de servicios públicos, rexeita a súa privatización que considera máis escandalosa cando se fai mediante a inxección de fondos públicos. Neste caso, a UGT é unha das dezaseis organizacións que consituiron na cidade de Ourense, en xuño de 1996, unha plataforma social co nome de Coordinadora pola defensa dos Servicios Públicos no Campus que, no seguinte outubro ampliou o seu radio asociativo ó conxunto da provincia. Xuntábanos a defensa do patrimonio público da Universidade, para que ésta construíse e xestionase un Colexio Maior público. Agora, erguemos de novo a nosa voz e agardamos que o resto dos membros tamén o fagan.

 Ainda que entendemos que, alomenos teóricamente, o Rector da Universidade non aterrou no cargo dende o espacio exterior, a UGT lémbralle que é preciso que actúe con lealdade social e institucional, tendo en conta que os profesores, estudiantes e o conxunto da comunidade universitaria de Ourense mantiveron durante dous anos a defensa do carácter público das residencias ata que se asinou o protocolo e convenios da súa reintegración á Universidade con esa mesma finalidade no pasado 14 de abril de 1998. A propia Xunta de Persoal Docente e Investigador da Universidade de Vigo acordou por unanimidade, en novembro de 1996, facer público un manifesto no que advertía: As institucións públicas teñen a obriga de prima-los interreses colectivos e públicos fronte a calquera tipo de interese privado, por moito que se disfrace de "benéfico". O señor Rector deberá lembrar, tamén, que a firmeza dunha Universidade nova por mantela súa autonomía e defende-lo seu patrimonio público, que é social coma ela mesma, mereceu o respeto e apoio do Parlamento de Galicia, onde os grupos da oposición defenderon o mesmo que a Universidade, con cinco actuacións que van dende o 11 de setembro de 1996 ata o pleno do 19 de febreiro de 1997, e que o TSXG dictou, pola súa parte, seis autos favorables ó posicionamento da Universidade en menos de cinco meses, cunha argumentación xurídica coincidente coa dos parlamentarios. ¿Qué crédito pode merecer o novo Rector e agardar a Universidade no futuro, se agora as residencias voltan a ser privadas? ¿Un comportamento tan exemplar da Universidade, que fai cultura institucional, non sen sufrimento, pódese esborrallar de súpeto? ¿Semellante estrago non será unha estolideza?

 A comunidade universitaria de Ourense ten constituído ó seu favor un acto declarativo de dereito de que o Colexio Maior das Lagoas se constrúa pola Universidade e se manteña de plena titularidade pública, porque así o aprobaron a Xunta de Goberno na súa sesión do 11 de setembro de 1996 e despois o Claustro universitario, establecendo que dita construcción só dependería de duas condicións, agora xa logradas, e que son: a facilitación polo Concello de Ourense dos trámites para inscribi-la parcela no Rexistro da propiedade e que a Xunta fixese entrega á Universidade da subvención de 450 millóns de pst. que tiña comprometida para esta actuación cunha entidade privada. Estes acordos non son anulables, porque non infrinxen ningunha norma de rango legal ou regulamentario, como establece o artigo 103 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administraacións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.

 A LRU define ós Colexios Maiores como Centros Universitarios (Disposición Adicional, 4ª), porque teñen, amáis da función de facilitar residencia, a misión de promove-la formación cultural e científica dos residentes, proxectando as súas actividades ó servicio da comunidade universitaria. O concepto de Centro Universitario aplícase na LRU por igual para as Escolas, Facultades, Institutos Universitarios e Colexios Maiores, e outorgalles por esto os mesmos beneficios e exencións fiscais que á Universidade. Según esto, unha universidade pública ten a obriga de promover Colexios Maiores públicos, igual que Escolas, Facultades e Institutos Universitarios públicos, porque os seus distintos Centros, aínda que teñan entre si un perfil diferente, conforman globalmente a oferta educativa pública da Universidade. A autonomía universitaria dilúese fácilmente, se a converxencia coa iniciativa privada no se dosa adecuadamente antes de face-la mestura, e esta autonomía plantexa ante todo unha actitude necesaria nos órganos de goberno universitario de lealdade e responsabilidade coa institución.

 Dende a UGT insístese na responsabilidade institucional, porque un dos puntos estrela do programa co que o Rector gañou a confianza do Claustro fai nove meses era, precisamente, o da conformación dunha rede de Colexios Maiores e Residencias de titularidade pública. Pero, non só non inclueu, dentro do presuposto da Universidade para 1999, tendo remanente suficiente, a partida correspondente para a obra do Colexio Maior nas Lagoas, senón que agora dínos que incluso quere cambia-lo sistema de residencias , porque ó seu xuízo a Universidade non ten porque facerse cargo da construcción e xestión das residencias sempre que haxa un interés privado que, cunha concesión temporal, poida ver satisfeitas as súas expectativas de rendemento da súa inversión. Con independencia de que o beneficio privado non se conxuga doadamente coa prestación dun bo servicio público, o Rector poder ter xa respostas da iniciativa privada nesta fase do euro de blanqueo de cartos, aínda que os problemas viranlle na fase seguinte. Se quere coñece-los padecementos cos que se pode atopar, bástalle cunha chamada telefónica á Universidade de Murcia, onde estivo implicada a iniciativa privada de RUE (Residencias Universitarias de España) e, de algún modo, a Fundación Universitaria de España; e, para máis, poñerse en contacto coa REDE UNIVERSITARIA DE ALOXAMENTOS, promovida polos responsables universitarios que veñen participando anualmente, dende o ano 1995, nos ENCONTROS DE COLEXIOS MAIORES E RESIDENCIAS UNIVERSITARIAS DE TITULARIDADE PÚBLICA.

 O novo modelo do Servicio Universitario de Colexios Maiores e Residencias, que o Rector anda a buscar, está xa creado na Universidade de Vigo pola Xunta de Goberno que, en cumprimento do artigo 260 dos ESTATUTOS, aprobou no mes de xullo de 1996 o ESTATUTO DOS COLEXIOS MAIORES E RESIDENCIAS, publicado no DOGA, 179/12 de setembro/1996. O único que precisa o Rector é aplicalo correctamente, porque a modalidade dos Centros Residenciais Adscritos (Artigos, 10, 26-34) está concebida como subsidiaria e complementaria dos de titularidade propia da Universidade, que só poden ser construídos por entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro de acordo co artigo 284 da vixente Lei do solo, sen posibilidade de recibi-la aportación de fondos da Universidade ou subvencións da Xunta de Galicia destinadas o financiamento da Universidade ou que poidan contabilizarse como adxudicadas a ela.

 A UGT solicita, debido o rotundo posicionamento público do Rector e para previ-los riscos que se poidan derivar para a Universidade, o posicionamento dos seus órganos colexiados de goberno: Consello de Campus, Xunta de Goberno, Claustro e Consello Social, así como a advertencia do Defensor da Comunidade Universitaria por tratarse dun asunto de interese xeral da mesma. Ó mesmo tempo, ofrécese para colaborar co Rector, seguindo a liña que os grupos da oposición manifestaron no Parlamento de Galicia, na reclamación dos fondos para dotación de Colexios Maiores e Residencias de titularidade da Universidade, previstos no Plan de Financiamento do SUG (1989-96) que está por liquidar e con varios anos sen auditar, sen facer caso da escusa de mal pagador de que a Universidade de Vigo, se os quería, tería que telos incluídos nas súas prioridades, cando éstas non foron nin siquera atendidas para a Construcción de Escolas e Facultades, obrigando ós Concellos e Deputacións a que contribuísen cos seus fondos.

En Ourense, 12 de febreiro de 1999.