Domingo Docampo ataca frontalmente á FETE/UGT e redúcea a un colectivo de intoxicadores, profesionais do infundio e da dvisión. COMUNICADO DE RESPOSTA Ó ESCRITO DO RECTOR NO FARO DE VIGO (13/2/2000).

  1. O ataque público que fai o Rector da Universidade de Vigo é dun tan grande calibre, que posiblemente sexa declarado constitutivo de conducta antisindical e de atentado contra os dereitos fundamentais, recoñecidos na Constitución (Arts.9.2, 53.1), aducibles diante dos Tribunais ordinarios por un procedemento basado nos principios de preferencia e sumariedade, e no seu caso, de recurso de amparo ante o T.C. (Art. 53.2).
  2. Domingo Docampo parece sentirse chamado a facer historia; pero, ó revés. Dende a promulgación da Constitución de 1978 ningún empresario, lider político ou autoridade pública ningunha verteron semellantes descalificacións públicas contra unha central sindical, neste caso únicamente por mante-lo seu compromiso sindical, acordado polos seus órganos federais, cunha Universidade pública e de calidade.
  3. O Rector vulnera, impávido, unha vez máis, o ordenamento xurídico como cargo público, ridiculizando os dereitos e actuacións lexítimas dunha central sindical, que conta coa maioría da representación no sector do profesorado, tendo que saber que a Lei 9/1987, de 12 de xuño, precisa na súa exposición de motivos: Es, consecuentemente, de aplicación directa a las Administraciones Públicas lo preceptuado en la Ley orgánica de Libertad Sindical en materia de: libertad sindical, régimen jurídico sindical, acción sindical, tutela de la libertad sindical y represión de las conductas antisindicales.
  4. A denegración que o Rector fai da FETE/UGT-Galicia débese únicamente a que, por acordo da súa Comisión Executiva, decideu acudir ós Tribunais de Xustiza, sen facer uso do dereito de folga, para opoñerse civilizamente a actuacións administrativas que presuntamente non se atiñan ó ordenamento xurídico público e que, polo mesmo, considera que non sirven ós intereses xerais.
  5. Domingo Docampo síntese tan posuído de contar con resolucións xudicias favorables, que no seu escrito anuncia estar en posesión delas, cando ainda non se dictou sentencia ningunha. Pouco aprecia e respecta a independencia da Administración de Xustiza.
  6. O libelo antisindical do Rector títulase "A Universidade de todos" que, de acordo coa súa liña de actuación, só pode ser traducido por A Universidade sometida ó sector privado. O seu é o privado e cando fala de abri-la Universidade á cidadanía, únicamente está a abri-las portas desta Institución Pública ós intereses privados, sen as cautelas e condicionamentos que establece o Dereito Público, outórgalle subvencións e facilitalle a cofinanción por déficit, prohibidas pola normativa interna da Universidade. Ante as críticas de que a disposición dos fondos públicos da Universidade deberá de estar sempre sometida ó preceptivo control da Xunta de Galicia, o Rector resposta: O control da Xunta de Galicia só debe ser das sociedades creadas por ela mesma. Ademais este control non debe ser admitido porque iría contra a autonomía universitaria (Motivo 7º da denegación do Recurso de Reposición, presentado pola CIG contra a aprobación de Cidade Universitaria, S.A., e que se acordou na Sesión do Consello Social de data do 31 de xaneiro do 2000. Permíta este Rector tan acolledor dos intereses privados que se lle lembre a lexislación: Lei 11/1992, do 7 de outubro, de Réxime Financieiro e Presupostario de Galicia. RDL 1091/1988, de 23 de setembro de aprobación do texto refundido da Lei Xeral Presupostaria. R.D. 2225/1993, de 17 de decembro, de aprobación do Regulamento para a concesión das subvencións Públicas. R.D. 700/1988, do 1 de xullo, sobre Expedientes Administrativos de Responsabilidade Contable).
  7. Este pequeno e ruidoso colectivo de profesionais do infundio e da división, pregúntalle abertamente ó Rector ¿onde está o infundio?, e pídelle á maioria de claustrais que sustenta o actual goberno da Universidade que, como resposables da elección como Rector a Domingo Docampo a pesar de coñece-las súas querencias polos intereses privados, impidan co cumprimento das súas obrigas que un grupo tan minoritario, como é a FETE/UGT, teña que acadar un protagonismo que non quere ter e se laia, unha vez mais, de sentirse como único actor na defensa dos intereses xerais.

 

A UNIVERSIDADE DÉBESE Á SOCIEDADE E NON ÓS INTERESES PRIVADOS E PARTICULARES. (COMISIÓN EXECUTIVA DA FETE/UGT-UVIGO. 14/2/2000) .