A UNIDADE DE ACCIÓN SINDICAL FRONTE A CIDADE UNIVERSITARIA, S.A. COMUNICADO DE RESPOSTA DA FETE/ UGT-UNIVERSIDADE DE VIGO Ó PRONUNCIAMENTO DA CIG DE DATA DO 5/4/2000 NA REDE ELECTRÓNICA DA UNIVERSIDADE.

  1. A acción sindical ten pola súa natureza obxectivos comúns e no eido das Administracións Públicas tódalas centrais deberan de ter un compromiso prioritario co público e desenvolve-la cultura do público en cada unha das súas facianas. Esto é ainda máis importante na Universidade, por mor de que ésta débese á sociedade, e a nosa sociedade non está tan desenvolvida como para afronta-los custos de privatizacións e, tamén, porque a Universidade debe procura-la excelencia nas súas accións de goberno e da súa actuación administrativa. Se os sindicatos propugnan a unidade do movimento sindical, polo que son e polas obrigas que teñen coa sociedade á que representan, o seu día a día non debera ser moi diferente entre unhas centrais e outras. Polo demáis, os órganos de representación sindical na Universidade pouco farán en beneficio da Institución, do expallamento da cultura de universidade e dos seu representados, se ante feitos fragrantes contrarios a estes obxectivos non só non se poñen de acordo, senón que uns atúen a acción dos outros nos órganos de representación sindical e votan en contra, a título individual, nos órganos colexiados de goberno da Universidade.
  2. A liberdade de acción sindical fronte ós partidos políticos asentóuse no sindicalismo europeo dende 1906 e a autonomía sindical e hoxe unha realidade incluso constitucional fronte a intentos de vinculación órgánica e politización dos sindicatos polos partidos políticos, tendo os afiliados liberdade de opción política, pero tamén o deber de non introducir no seo do sindicato os compromisos e programas políticos dos partidos ós que poidan libremente pertencer. O exemplo a contrario é o do sometemento do sindicato ó partido dende Lenin ata o derrube da URSS.
  3. A Sección Sindical de Funcionarios da CIG Universidade de Vigo interpuxo recurso de reposición contra o acordo do Consello Social da Universitade de Vigo (1/7/1999) de aprobacitón dos Estatutos Sociais de Cidade Universitaria S.A, de xeito igual ó que a FETE/UGT fixera mediante voto particular na sesión de Xunta de Goberno (24/6/99) e nesa sesión do Consello Social, trala cal fixo público o seu acordo de interpo-lo recurso contencioso - administrativo que ten presentado. O Consello Social non respostou ó recurso da CIG/Funcionarios ata o 31 de xaneiro do 2000, rexeitándoo en base a razoamentos curioso dos que salientamos os seguintes:
  1. O acordo adoptado no afecta á autonomía universitaria, porque nunca pode afectar á autonomía universitaria un acordo adoptado por un órgano colexiado da mesma (¡!). Pero, as inxerencias dos políticos nos acordos dos órganos de goberno da Universidade, presentes notoriamente neste caso, así como dos intereses privados, están a utiliza-la Universidade, o público, coma unha mercadoría, e a comunidade universitaria está obrigada a reaccionar en defensa e mantemento desa autonomía, a respostar ás intromisións dos que queiran utiliza-la coma unha cortiña da súa propiedade no senso romanista individualista do concepto. ¿Qué outra cousa é a do negocio da construcción de instalacións no Campus das Lagoas/Marcosende (Vigo) e dun edificio para Rectorado por Cidade Universitaria, S.A., a marxe das esixencias legais da contratación pública, da aprobación da planificación de infraestructuras polos órganos colexiados de goberno (Xunta de Goberno, Claustro e Consello Social), cando as actuais instalacións da Rúa do Areal contan con 4.872 m2 (2.778 m2 antigo Banco de España/Goberno Militar, 1.464 m2 construidos no solar anexo, 630 m2 comprados no edificio lateral colindante). ¿Xustíficase esta inversión, que se achegará ós 3.000 millóns de ptas., no actual intre de estabilización da matrícula de minoración presupostaria? A única explicación é a de que de empresa privada a empresa privada fánse as cousas sen o rigor da Ley de Contratos do Estado e das Administración Públicas, podéndose satisfacer moitos intereses alleos á Universidade e incluso os particulares do propio Rector. A autonomía universitaria garante a liberdade de cátedra e, tamén, a liberdade institucional fronte a inxerencias e intereses alleos á institución, consiste na capacidade de acción e de iniciativa da Institución e implica a sintonía coas demadas da sociedade á que lle debe render contas, reducíndose en definitíva á práctica dunha autoesixencia de responsabilidade de todala comunidade universitaria coa Institución e coa sociedade.
  2. Os bens de Cidade Universitaria, S.A. non son bens da Universidade de Vigo, xa que é unha persoa xurídica distinta e por tanto con patrimonio propio. Pero, a maioría accionarial correspóndelle á Universidade con cargo ó seu presuposto e o resto do capital é tamén público, polo que tiña que estar sometida nos seus Estatutos Sociais ó ordenamento xurídico público, tal como advirteu a FETE/UGT nos seus votos particulares.
  3. O control da Xunta de Galicia só debe ser das sociedades creadas por ela mesa. Ademáis este control da Xunta non debe ser admitido porque iría contra a autonomía universitaria (¡!). Que esto o suscriba o Consello Social, cun Presidente experto xurista nomeado pola Xunta, que representa os intereses sociais no goberno da Universidade, constitúe unha calamidade. Alomenos, debería lembrarse dos preceptos da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de Réxime Financieiro e Presupostario de Galicia, así como dos riscos das subvencións públicas aparentemente inofensivas.
  1. Contra o rexeitamento do recurso de reposición, a CIG tiña un prazo de dous meses dende a súa notificación para interpoñe-lo recurso ante a xurisdicción contencioso-administrativa. Así, intentouno a Sección da CIG/FUNCIONARIOS PAS; pero, a Organización Confederal deste Sindicato acordou non presenta-lo recurso contencioso polas razóns seguintes: a) Posicionamento en contra da Sección da CIG/PAS-LABORAL e da Sección da CIG/PDI; b) Que o Rector comprometéuse a modifica-los Estatutos Sociais de Cidade Universitaria, S.A. (Pero, este tipo de compromiso de compadreo xa o adequirira públicamente con Carlos González Príncipe e Dolores Vilariño do PSdeG/PSOE en xullo de 1999 e aínda está por cumprir); c) Os servicios xurídicos da CIG consideran inviable a presentación do recurso en base a que os servicios complementarios dunha Universidade Pública poden prestarse por unha empresa privada, e ven a dicir que o que os obxectivos e fins dunha Universidade Pública redúcense a prestación da docencia e a laboura de investigación (Se está segura do que dí, e para que tódolos demais o coñezan, manifestámoslle a nosa disposición de debater en público ante os medios de comunicación este asunto, e tamén clarexaríamos que fan catro membros do Equipo Rectoral mailo Presidente do Consello Social no Consello de Administración dunha sociedade, que se rixe só polo ordenamento xurídico privado, sen aceptar render conta ós órganos colexiados de goberno que os elixiron. Tamén poderíamos falar de se esta sociedade constitúe ou non unha canle para o endebedamento da Universidade, así como avalia-la a posible estafa que lle pode causar). Que un xuiz dicte ou non setencia de acordo cos feitos e fundamentos de dereito dunha demanda de calquera Central Sindical e algo que sempre pode pasar; pero, outra moi distinta é que a Executiva dun Sindicato deslexitime a acción sindical dunha das súas seccións que, con fidelidade ós seus mandatos congresuais tiña plantexada e que estaba levando adiante de modo rigorosamente respetuoso coa Universidade. Por esto, ós compañeiros da Sección CIG/PAS FUNCIONARIOS-UNIVERSIDADE DE VIGO expresámoslle o noso recoñecemento, sabendo que estas cousas pasan en calquera sindicato cando os intereses políticos se poñen por enriba da acción sindical.
  2. Ás demáis seccións da CIG da Univesidade de Vigo, para ir achegándonos á unidade de acción sindical, lembrámoslle:
  1. Á CIG-PAS LABORAL que xa que ten a Presidencia do Comité Intercentros, presente en prazo recurso contencioso contra a denegación do recurso de reposición polo nomeamento de José Manuel Velo Garcia como Director dos Servicios Informáticos de Investigación, unha vez que fora cesado por non reuni-las condicións da convocatoria, e que non teña que sela FETE/UGT-GALICIA a que presente este recurso unha vez máis en solitario.
  2. Á CIG-PDI que non apoiou, na reunión das tres centrais sindicais co Rector o pasado día 4 deste mes, a constitución da Mesa Sectorial na Universidade de Vigo co gallo de face-lo seguimento do Plan de Estabilización do Profesorado, que retome este asunto, que forma parte do ámbito de actuación da Xunta de PDI, según consta no artigo 4 do seu Regulamento que se acaba de distribuir entre tódolos profesores.

VIGO, 7 de abril do 2000.

A Permanente da Comisión Executiva da FETE/UGT-UVIGO