REXEITAMENTO DA EXCLUSIÓN DE REPRESENTANTES SINDICAIS NO CONSELLO DE GOBERNO DA UNIVERSIDADE DE VIGO.

 

A Universidade de Vigo instrumentalizou a LOU para elimina-lo dereito de representación sindical no seu Consello de Goberno. Trátase dun dereito recoñecido fai dez anos pola Universidade de Vigo nos Estatutos, que seguen tendo vigor e aplicación mentres non se promulguen os novos en todo o que non contradigan expresamente á LOU, polo que dita exclusión resulta nula de pleno dereito. Está exclusión é tamén contraria os acordos de Claustro e de Xunta de Goberno sobre o mantemento dos ESTATUTOS e normativa do seu desenvolvemento en todos aqueles puntos que non contradigan a LOU, que non restrinxe dereito sindical ningún nin se propón facelo.

 

Os sindicatos foron os principais impulsores da contestación á LOU xa que, entre outras cousas, minoraban a participación da comunidade universitaria no goberno da Universidade, introducía como membros do Consello de Goberno a persoas alleas a ela e outorgaba facultades executivas ó Rector en colisión coas que pola Lei teñen os órganos colexiados, vulnerándose en definitiva o dereito de autonomía universitaria.

 

As seccións sindicais lexítimamente constituidas na Universidade compóñense en cada caso por membros da comunidade universitaria afiliados a un sindicato e, a través dos órganos de representación sindical, promoven e defenden os dereitos do seu persoal e a calidade dos servicios, colaborando a tal fin estreitamente cos representantes institucionais, adicándolle unha parte importante do seu tempo a estas tarefas co único obxecto de que a Institución serva mellor á sociedade á que se debe, sen percibir pola súa adicación contraprestación ningunha. Deste xeito, as centrais sindicais viñeron contribuíndo a vertebra-la Universidade e ó logro dunha comunidade universitaria máis activa e participativa como requisito imprescindible do adecuado exercicio do dereito de autonomía universitaria. Lémbrese, por exemplo, a súa contribución á creación da figura do profesorado propio e á configuracion dunha estructura administrativa, entre outras moitas actuacións importantes.

 

Os sindicatos traballamos, en defintiva, sempre en positivo pola Univesidade tanto no seo da comunidade universitaria como nas Mesas Sectoriais do Estado e da Comunidade Autónoma. Aí están, por exemplo, o Plan de Estabilización do Profesorado e a introducción na LOU do control de Fundacións e Sociedades Anónimas universitarias co gallo de reafirma-la preceptiva transparencia na aplicación e xestión dos fondos públicos.

 

Non se nos aportaron explicacións fundadas da eliminación do dereito dos sindicatos a estar representados no Consello de Goberno. Por esto, entendemos que tal actuación se asemella a unha especie de sanción inmerecida, que é froito dunha visión do goberno contraria á natureza da Universidade Pública e constitutiva dunha perigosa volta atrás.

 

Na sesión do Claustro de 13/09/02 presentamos un escrito, dirixido tamén ó Consello de Goberno, que contiña tres puntos: 1) Rexeitamento da dita exclusión e petición de motivacións fundadas da mesma. 2) Insta-la reincorporación dos representantes sindicais ó Consello de Goberno. 3) Petición da constitución dun órgano estable de negociación sindical na Universidade de Vigo. Agardamos que estes puntos se inclúan na orde do día da vindeira sesión do Consello de Goberno.

 

Se a comunidade universitaria aprecia a nosa traxectoria e nos xulga de utilidade, agardamos dela unha resposta de apoio ó mantemento do dito dereito e ó desenvolvemento nos novos Estatutos dos dereitos de representación e participación sindical co gallo de servir de canle para evita-las restriccións de participación que contén a LOU e afronta-la contratación laboral do PDI.

 

É, polo dito, que estamos dispostos a defender por tódolos medios lexítimos o dereito que agora se nos quita.

 

Vigo, 25 de setembro de 2002.

 

 

CIG                                         UGT                                        CC.OO