A FETE/UGT-UVIGO A PROL DA CONSOLIDACIÓN DA ADMINISTRACIÓN UNIVERSITARIA.

O 22/3/2000 celebrouse o XUÍZO SOBRE A CREACIÓN DE CARGOS ACADÉMICOS PARA DIRIXIR NOVE UNIDADES ADMINISTRATIVAS (Procedemento Abreviado nº 166/99-C) que tivo lugar na Sala Nº 2 do Contencioso de Pontevedra. Este asunto ten en xeral unha grande importancia para o desenvolvemento da Universidade de Vigo, para os logros dos obxectivos de calidade, para facer efectivo o compromiso e esixencia de responsabilidade que é inherente a autonomía universitaria e sustento da mesma, sendo polo mesmo peza clave para fortalece-lo compromiso institucional dos tres sectores da comunidade universitaria vencellados nun único movemento cos obxectivos estratéxicos xerais da Universidade de Vigo e, máis particularmente, para facer efectiva a oferta anual de emprego público e satisface-la lexítima promoción do PAS, tan lexítima coma a dos profesores ou a satisfacción do dereito dos estudiantes a un servicio de ensino superior de calidade en tódolos seus eidos. Non se pode esquecer que o labor do PAS constitúe en boa parte a razón do éxito da Universidade neste primeiro decenio de singradura. Pero, o desenvolemento desta vista oral amosou, na argumentación do letrado da Universidade (D. Juan Manuel López Chaves), a persistencia dunha política rectoral completamente afastada dos fins e obxectivos dunha Universidade Pública e a vontade de mante-los nomeamentos de cargos de goberno que non foron elixidos, tal como establecen os ESTATUTOS, sendo escollidos sen amparo estatutario ningún entre os amigos do Rector ou por razóns de apoio no Claustro, atribuíndolle de maneira efectiva complementos individuais de soldo en contra do artigo 46 da LRU.

O defensor da Universidade, independentemente do éxito que poida conquerir de resultarlle unha sentencia favorable, perdéuse no seu labor, xa que como bo xurista amosóuse, sen pretendelo, pouco convencido do que tiña que defender. Pola súa cabeza seguro que se lle entrecruzaban as ideas que manifestara no acto oficial de despedida por xubilación do posto de Xefe de Servicio da Asesoría Xurídica da Universidade (18/6/1998), de proclamación da necesidade de reconocer y potenciar y poner en pie de igualdad las dos administraciones: docente y general (FARO DE VIGO, venres 19 de xuño de 1998). Esto é certo, porque por Lei e ESTATUTOS teñen atribuidas competencias e funcións ben diferenciadas ata o punto de que, de mestura-las, poden os seus titulares incorrer en incompatibilidades. Polo demais, o Sr. López Chaves, naquel discurso de despedida, deixárase levar polo fervor do PAS, engandindo que xunto a liberdade de cátedra compre engadi-la súa irmán xemea que é a liberdade de xestión, proclama que require matizacións que non fixo naquel intre. O que si é certo, é que os argumentos na sala do xuizo non se parecen en nada ás proclamas de antes. Na súa obriga de defende-la devandita política do Rector non atopou outras razóns que as seguintes:

  1. Estes cargos académicos de Directores de Unidades Administrativas son cargos de confianza do Rector.Esto non é certo, porque por Lei e ESTATUTOS tódolos cargos académicos teñen que ser elixidos e de non estaren previstos nos Estatutos, a asignación de conceptos retributivos con carácter individual ten que ser acordada polo Consello Social (LRU, art.46, 2). En calquera caso, nunca poderían ser creados para invadiren funcións que estatutariamente e pola LRU son propias exclusivamente do PAS.
  2. Véulle a chamar "analfabetos" ó PAS, aseverando que estes postos requiren que os seus titulares posúan coñecementos moi especializados, exemplo Directora/or do CACTI, como se o mercado de traballo non ofertara suficientes profesionais, cunha especialización e experiencia alomenos igual que a dos profesores designados, e pola contra dixo que aduciría documentos que amosaban ser ésta unha conducta de goberno na Universidade de Vigo dende 1990 ata agora. É dicir, que os malos usos fan lei como na Idade Media e que, de terse xeralizada esta conducta, non contaría con titulados universitarios (incluso douctores) no sector do PAS, xa que os seus postos teríanse cuberto nun cento por cen por profesores. O Letrado agarróuse ós razoamentos que o Rector fixera públicos no mes de xuño de 1999: Dentro de un año espero que incluso aquellas áreas que estamos creando puedan estar a cargo del personal de administración y servicios. Si no lo hacemos ahora es porque no hay capacidad para generar personal para este tipo de puestos.
  3. Negou que o acordo da Xunta de Goberno do 24/6/99, en relación co punto 12 da Orde do Día ("Creación de Cargos Académicos e aprobación da súa normativa de regulación"), constitúa un acto administrativo firme, porque é competencia do Claustro a aprobación de tódolos Regulamentos, e polo tanto que a Xunta de Goberno só acordou facer unha proposta ó Claustro. A este efecto, presentóulle ó Xuiz unha certificación da Secretaria Xeral da Universidade na que se fai constar que no vindeiro mes de abril o Claustro tratará este asunto; pero, a Mesa do Claustro que, entre outras compentencias, ten a de elabora-la orde do día da sesións (Regulamento do Claustro, Art. 13), non foi ainda convocada. Polo tanto, Margarita Estévez Toranzo non da fe na súa certificación de acto administrativo, acta ou documento ningún, certifica unha intención, un futurible... e mostra como fedataria una conducta raiana na delincuencia, perdeu toda credibilidade e debe dimitir como fedataria pública da Universidade.
  4. J. M.López Chaves, sendo coñecedor de que o Rector incumpriu os preceptos legais de consulta previa ós órganos de representación sindical para estructura-las ditas Áreas administrativas, formulóulle ó xuiz a falta de lexitimidade de actuación legal da FETE/UGT, cando a propia LRU (Art. 51) recoñece e tutela esa representatividade e capacidade de negociación, independentemente do que prescriben os preceptos da lexislación sindical.

CONCLUSIÓNS: A vista dos argumentos legais cos que o Rector tenta mante-los seus castelos de aire, a FETE/UGT manifesta que foi só ela a que logrou que o Rector leve este asunto ó Claustro, agora corresponderalle ós claustrais actuaren de acordo coa esixencia de reponsabilidade e compromiso institucional que teñen contraido. Así mesmo ós órganos de representación sindical na Universidade de Vigo deberán facer público o seu posicionamento na defensa dos intereses dos seus representados e das liñas de acción sindical das súas centrais sindicais.

VIGO, 23 de marzo do 2000.