A UGT CONTRA O MAPA DE TITULACIÓNS.

 

O Comité Nacional de FETE/UGT-GALICIA, reunido previa convocatoria en Santiago de Compostela na data de hoxe, estudiou a proposta sobre inclusión de novas titulacións no Mapa universitario de Galicia que o Consello Universitario de Galicia (CUG) acordou na súa sesión de 30/01/03, e adoptou por unanimidade facer pública a seguinte Resolución de rexeitamento, fundada nas razóns que, entre outras, a continuación se expresan:

 

1ª.-  O CUG é, pola súa composición interna, un órgano político e non universitario. Carácter, éste que se agrava xa que de feito se excede nas súas únicas competencias de asesoramento e consulta, porque os seus acordos convírtense sempre e sen máis en normas de obrigado cumprimento, e polo tanto restrinxen o dereito de autonomía universitaria en asuntos que, como os das titulacións a impartir, constitúen contidos esenciais do mesmo.

2ª.-  O CUG ven amosándose incapaz, dende a súa creación en 1989, de elaborar e facer públicos os criterios que deben asenta-las bases do Mapa de Titulacións do Sistema Universitario Galego (SUG), de xeito que se asegurarase a especialización e complementariedade dos Campus. Pola contra, duplicou e triplicou titulacións e mantivo ata agora mesmo a condición de periféricos para os Campus que non son os da ubicación da sede de cada unha das tres Universidades. Deste modo, ancorouse en gran medida o desenvolvemento do SUG e favorecéuse sempre a explosión de localismos dende intereses exclusivamente políticos e partidarios.

3ª.-   O CUG voltou nesta xeira a duplicar e triplicar titulacións e amosóuse insensible á necesidade de contribuir á atempera-la caída de matrículas, ó non poñer enrriba da súa mesa novas titulacións que servirían para enfrontar este proceso, que non fixo outra cousa que comezar, e que ameaza co incremento do gasto fixo en persoal, sen posibilidade de ocupa-los excedentes en novas ensinanzas dentro do mesmo ámbito de coñecemento. A este respecto, compre dicir que son as menos aquelas titulacións de carácter interdisciplinar, acordadas nesta última sesión do CUG.

4ª.-  O Conselleiro de Educación veu mantendo nos últimos seis anos que as novas titulacións serían a custo cero. Agora, manifestou que non coñece os custos de infraestructura e persoal das novas titulacións e tampouco como se sufragarán.

5ª.-  A nova Lei de Financiamento do SUG aínda non ten un borrador que se fixera público, polo que a FETE/UGT considera temerario o feito de tocar neste intre o Mapa de Titulacións.

6ª.-  Polo cruce de argucias entre os responsables do goberno nas Universidades e os da Xunta de Galicia, éstes manifestan que o nome e ubicación de cada nova titulación a implantar, en concreto no caso de Vigo, foi posto polo Rector, como se éste estivese facultado para facer semellante cousa. A Xunta de Galicia resulta, pois, cómplice do ejercicio indebido das facultades do Rector, que non son outras, neste caso, que as de servir de simple canle dos acordos sobre priorización das novas titulacións polos órganos colexiados de goberno propios da Universidade que, non só non foron consultados, nen a Xunta de Galicia reclamou tales acordos, senón que as dúas novas titulacións para o Campus de Vigo corresponden ó ámbito da propia Área de coñecemento da que o Rector é catedrático.

7ª.-  A FETE/UGT ten sempre defendido, entre outros, os criterios, arriba expresados, que non se aplican, a máis da necesaria transparencia e fundamentación rigorosa en cada caso. Así mesmo, ven defendendo a necesidade de implantar novas titulacións que teñan un carácter interdisciplinario, porque se adaptan mellor á demanda e porque solucionan os excedentes en recursos humanos. Neste caso, hay unha titulación, entre outras, que reúne  ditas características e que esta Central Sindical plantexou en solitario no Consello Social da Universidade de Vigo. Trátase da Licenciatura en Ciencias do Traballo, proposta dende Vigo ó Consello de Universidades en 1989. Ningún Rector a quixo e o CUG non a considerou. Neste caso, o Rector de Vigo e o respectivo Consello Social levan desatendendo  ó longo dun ano as peticións de entrevista da directiva da Asociación de Titulados de Graduado Social e Relacións Laborais.

 

 

Santiago, 7 de febreiro de 2003.